A SECCIÓN ÁUREA
Foi no enterro de tía Anuncia, en Riocobo,
aquel día de sol que ía moita friaxe polos pés.
Pepe, o de Teté, que é filho de carpinteiro,
faloume da Sección Áurea,
o número secreto que garda a proporción
entre os segmentos.
O berce,
os primeiros zocos,
a sella e o pote,
o hórreo,
o carro do país,
a artesa de pan centeo,
a carta de América,
o fol da gaita,
o bordado do liño,
o leito do amor,
a culler de pao,
a virxe das Dores,
a chama da candea,
as doas do rosario,
teñen esa álxebra que só se contaxía
coa luz do pan
na mirada da nai.
A Sección Áurea.
A medida tamén dun sepulcro honorable.
Manuel Rivas
Costa da Morte Blues (1995), en o pobo da noite Antoloxía poética. Edicións Xerais de Galicia, 2ª edición, 1997
No hay comentarios:
Publicar un comentario